ENERXÍA

Calquera sistema, tanto se se trata dun ser vivo, dunha máquina ou dunha cidade, base o seu funcionamento en entradas e saídas de enerxía e de materiais. 

As formas de enerxía que se usan nunha cidade son moi diversas e , como pasa na maioría dos países desenrolados, baséanse en fontes non renovables como son o carbón, o petróleo e o gas natural. Estes recursos son limitados e o seu uso provoca problemas de contaminación na atmosfera. Por outra parte, os seus efectos a escala rexional e global relaciónanse co efecto invernadeiro e a alteración da capa de ozono.

O aproveitamento dos recursos esixe, polo que respecta á enerxía, cambios importantes: usar cada vez máis fontes de enerxía limpas e renovables, e seguir avanzando na mellora da eficiencia enerxética, que supón usar menos para obtelo mesmo rendemento.

Producir enerxía limpa; apostar polas renovabeis; freala dependencia das  importacións enerxéticas, limitalo efecto invernadeiro..., son obxectivos ós que é difícil opoñerse. Pero en 1996, o último ano no que hai datos confirmados dos Quince, só o 5% da enerxía total consumida na Unión Europea respondía a estes criterios ecolóxicos. A UE defende duplicar en cada país o peso das renovables e chegar, no 2010, a unha media do 12% para os Quince. 

As enerxías renovabeis poderían solucionar moitos dos problemas ambientais, como o cambio climático, os residuos radiactivos, as chuvias ácidas e a contaminación atmosférica. As enerxías renovabeis poderían cubrir un terzo do consumo de electricidade e reducilas emisións de dióxido de carbono nun 20% para o ano 2.005.

As estratexias de cambio dependen de todos, e non só das decisións e a planificación das administracións. Actualmente, moitas empresas renovan os seus productos e os seus procesos de fabricación con criterios de sostenibilidade, mentres as institucións estimulan cada vez máis a aplicación dos avances tecnolóxicos á solución dos problemas ambentais. O cambio está en marcha, pero todavía queda moito camiño que percorrer. 

Galería