Concurso Curtas D-Medo 2022

Cartaz Curtas 2022

1.Obxectivos.

Este concurso trata de :

.Dinamizar a creación en galego entre a poboación do Concello de Barro

.Explorar e dar a coñecer a creatividade audiovisual, a través da gravación de curtas.

.Fomentar o uso do galego nunha actividade actual e atractiva para o público xoven.

.Ser un centro de transferencia e dinamización cultural.

 

2.Características dos participantes

2.1. Neste concurso poderase participar tanto individualmente como por grupos podendo participar nos grupos persoas de diferentes idades (os figurantes ou demais colaboradores terán que estar identificados e coa autorización pertinente)

2.2. Os/as menores participantes precisan a autorización do nai e pai/titor e un representante-titor maior de idade que será o responsable do grupo.

2.3. Na categoría Xeral poderán participar tódalas as persoas nados ata 2008.

2.4 Na categoría D-Medo no IES, un premio especial dirixido exclusivamente a moz@s matriculados no IES de Barro, polo tanto nesta categoría poderán participar rapaces/as nados ata o 2010.

Os participantes que queiran optar ao Premio D-Medo no IES, seleccionarán esta categoría no formulario de inscrición da curta. Os representantes legais dos menores pertencentes ao IES de Barro garanten baixo a súa responsabilidade que están matriculados no IES de Barro e que teñen a idade establecida nesta categoría para participar.

 A organización reservase o dereito a deixar deserto o Premio D-Medo no IES se o gañador incumpre as bases o se a falla de participación o require.

 

3.Inscricións

3.1 Os interesados en participar, realizarán a súa inscrición gratuíta a través dun formulario recollido na OMIX de Barro ou a través do e-mail: omix@barro.es. Teléfono de información 986.714.806. 690.722.812

3.2 Xunto á cumprimentación do formulario o/a representante do equipo deberá ENTREGAR NO REXISTRO DO CONCELLO DE BARRO:

-A curta en soporte dixital (pen drive, DVD, etc) .

-As autorizacións dos menores para a participación neste concurso.

-Permiso de uso dos dereitos de imaxe das persoas que aparezan.

O prazo de inscrición está aberto dende o luns 20 de xuño ata o 17 de outubro de 2022 (que coincidirá co prazo de entrega da curta).

 

-Lembren que en caso dos menores de idade, as autorizacións terán que estar asinadas polos dous proxenitores ou titores legais.

 

4.Características xerais das curtas:

4.1. A curtametraxe ten que ser inédita, durar 3 minutos como máximo (sen contar os créditos).

4.2. A temática dos vídeos será libre e en galego.

4.3. A súa realización será mediante a cámara do teléfono móbil ou outros dispositivos podendo logo, editarse con ferramentas externas.

4.4. As curtas deben ser orixinais, incluídos os títulos de crédito: título da curta, lugar onde se gravou  tipo de dispositivo empregado, e gravados na máxima resolución e calidade posibles. Tanto para o audio como a para a escrita deben empregar o idioma galego.

4.5. Non se admitirán curtas derivadas doutra curtas presentada.

 

5.Contido dos videos:

A/o representante do equipo que presente a curta a concurso será o único responsable dos seus contidos, garantindo que o mesmo cumpre con todos os requisitos legais e, en particular:

• Que non conteñan obras que están suxeitas a dereitos (ex. a música ten que estar libre de dereitos ou autorizada baixo licenza Creative Commons que permita o seu uso nos termos destas bases; non se poden reproducir obras pictóricas ou audiovisuais o uso das cales requira a previa autorización dos seus titulares ou de entidades de xestión, etc.).

• Que se obtiveron de forma expresa e por escrito os permisos das persoas que aparecen no vídeo para usar a súa imaxe: publicación da curta en YouTube, Vimeo Dailymotion ou publicación da curta na web do concello, proxección da curta ou de fotogramas en, exposicións e eventos relacionados, e publicación da curta ou de fotogramas do mesmo, en redes sociais para os casos nos que estas se utilicen para difundir o concurso.

 • Os participantes que presentan a curta ceden con carácter gratuíto ao Concello de Barro todos os dereitos de explotación e en particular, os de reprodución, distribución, comunicación pública (incluída a difusión a través de Internet) e transformación sobre este que permitan a este último xestionar a participación da curta no presente concurso e difundilo en todos os medios e soportes que o Concello de Barro estime oportunos no marco da divulgación do concurso, para a máxima duración legal dos dereitos cedidos e para todo o mundo. En particular, sen carácter exhaustivo, o Concello de Barro poderá publicar as curtas na web barro.gal e utilizar fotogramas do mesmo en diferentes medios e soportes de difusión, proxectar o vídeo ou fotogramas do mesmo en exposicións e eventos relacionados, así como difundilo nas súas canles de redes sociais.

• O Concello de Barro non se fai responsable do uso non autorizado de música ou imaxes nas curtas presentadas.

• Os participantes que presentan a curta responden ante o Concello de Barro do exercicio pacífico dos dereitos de imaxe e de propiedade intelectual indicados no presente apartado, e para ese efecto exonera ao Concello de Barro de calquera responsabilidade dimanante do non cumprimento ou cumprimento defectuoso destas bases e garantías. Neste sentido, no caso de que o Concello de Barro sexa obxecto de calquera reclamación xudicial ou extraxudicial iniciada por terceiros e baseada en posibles infraccións de dereitos en relación coas curtas, o participante asume todos os gastos, custos e indemnizacións que se poidan derivar destas accións, e responde ante o Concello de Barro ou ante terceiros, segundo corresponda.

• Calquera irregularidade ou violación destas normas comporta a descualificación inmediata do participante, que renuncia a calquera nomeamento ou premio que lle sexa proposto.

• No caso de que se presentase a mesma curta, pero se rexistrase por distintas persoas, para os efectos deste concurso considerarase a obra presentada polas primeiras persoas que realizaron a súa inscrición, segundo o indique o rexistro de entrada do formulario.

• A participación no concurso implica o coñecemento e a aceptación das normas indicadas nestas bases. Toda dúbida sobre a interpretación destas normas será resolta polo Concello de Barro.

 

Contidos non admitidos:

 • Non está permitido presentar a concurso vídeos con contidos racistas, violentos, ofensivos, degradantes, discriminatorios, de abuso de alcohol ou outras sustancias ilegais ou que a organización considere inadecuados /incompatibles cos obxectivos do concurso.

 

6.Prazo de entrega das curtas para concurso

O prazo de presentación de solicitudes e as correspondentes curtas rematará o  17 de outubro de 2022.

 

7.Selección das persoas gañadoras

7.1 Os vídeos recibidos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores realizándose a comunicación pública dos premiados o día 31 de outubro. Tódolos vídeos recibidos que cumpran os requisitos de participación proxectaranse a noite do 31, onde se decidirá o premio do público.

7.2 En caso de que algún grupo sexa premiado, o representante será o responsable da forma de reparto do premio.

7.3 Un xurado composto por persoas do mundo audiovisual, educativo e cultural, visionará as curtametraxes das que terá en conta: a calidade técnica e artística da curta, a orixinalidade da peza, etc. (itens recollidos nunha ficha técnica, valorada por cada xurado individualmente). Este xurado decidirá os diferentes premios a través da valoración de cada unha das curtas presentadas e posterior deliberación e posta en común do 24 ao  31 de outubro.

 

8.Premios

8.1.Premio do Xurado, os vídeos con máis votos do xurado serán os premiados:

A)Premio categoría Xeral:

1º premio: 200 €.

2º premio:100€.

3º premio: 70€.

B)Premio categoría D-Medo no IES:

 premio: Vale de gasto 60€ no comercio e restauración local.

 

8.2. Premio do público

Premio: Vale de gasto 60€ no comercio e restauración local.

A este premio poderán optar as curtas presentadas nas dúas categorías.

Se existen premios desertos o xurado poderá outorgar estes en forma de accesit segundo o seu criterio.

O Concello de Barro resérvase o dereito de modificar algúns dos premios, substituíndoos sempre por outros similares, e sen necesidade de notificalo previamente aos participantes.

 

9.Entrega de premios

A entrega de premios terá lugar na data e espazo que determine a organización do concurso, dita información será comunicada aos participantes do concurso con antelación suficiente.

Cada representante do grupo será o receptor dos agasallos que distribuirá segundo o seu criterio.

 

10.Acatamento e interpretación das bases

A organización resérvase o dereito de anular este concurso ou parte del se non se supera un mínimo de 3 participantes en cada unha das categorías.

O simple feito de participar no concurso implica a aceptación pura e simple destas bases, que poden ser consultadas na web do Concello de Barro.

Ante posibles dúbidas na súa interpretación, prevalecerá o criterio da organización.

 

11.Datos persoais:

- Os datos facilitados polos usuarios empregaranse para a comunicación dos gañadores e, ademais, incorporaranse nun ficheiro titularidade do Concello de Barro para usos administrativos e de xestión do concurso.

- Os participantes poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, dirixíndose por escrito ao Rexistro de Entrada do Concello de Barro, Santo Antoniño, Perdecanai, nº 11, 36194 Barro, Pontevedra.

 

12.Imprevistos:

O Concello de Barro resérvase o dereito de, suspender ou cancelar o concurso sen previo aviso por calquera razón non imputable ao Concello de Barro, especialmente por causa de forza maior. O Concello de Barro resérvase o dereito de anular e/ou cancelar a totalidade ou parte do concurso en caso de detectar fraude ou o mal funcionamento das normas. Neste caso, resérvase o dereito a non dar un premio aos participantes fraudulentos. Para máis información, podedes poñervos en contacto co Concello de Barro no mail omix@barro.es

 

13.Foro competente:

Para calquera controversia que puidese derivarse deste concurso, o Concello de Barro e os participantes sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais de Pontevedra, con renuncia expresa a calquera outro foro que puidese corresponderlles.