CAMPAÑA BRINDEMOS POLO NOSO

imaxe brindemos polo noso 2021

CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DOS VIÑOS E A HOSTALARÍA DE BARRO: “BRINDEMOS POLO NOSO” – Viños de Barro, viños de calidade.

O Concello de Barro organiza unha Campaña de promoción dos viños de Barro elaborados por adegas locais ao amparo da DO Rías Baixas e dos establecementos nos que se poden consumir e que coincidirá coas datas nas que se tería que celebrar a Festa do viño de Barro, que por causa da situación sanitaria que estamos vivindo non se poderá celebrar no seu formato orixinal.

Estas datas supoñen unha oportunidade para promover e dar a coñecer os viños de calidade do no noso concello, mais supón tamén unha oportunidade para promover o consumo e incrementar a visibilidade e promoción da hostalaría de Barro.

BRINDEMOS POLO NOSO” – Viños de Barro, viños de calidade é unha iniciativa do Concello de Barro que ten como obxectivo principal a promoción da calidade dos viños de Barro e da hostalaría local e irá acompañada dun importante traballo de promoción, publicidade e divulgación tanto das adegas como dos negocios hostaleiros que a ela se adhiran a través de todos os medios ao alcance do Concello de Barro.

OBXECTO

Estas bases establécense coa finalidade de regular unha nova campaña enmarcada dentro da segunda metade do mes de xuño para o apoio e publicidade das adegas de Barro e os locais de hostalaría que participen da mesma, garantindo a igualdade de trato entre todos os participantes, que as deberán aceptar integramente unha vez presentada a solicitude no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica.

DATAS DA CELEBRACIÓN

O inicio desta campaña será o día 11 de xuño e o remate será o día 27 de xuño 2021, ambos incluídos.

REQUISISTOS DE PARTICIPACIÓN

Poderán participar nesta CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DOS VIÑOS E A HOSTALARÍA DE BARRO todos os locais de hostalaría de Barro.

PROCEDEMENTO

Todos os locais de hostalaría que se adhiran á campaña deberán adquirir unha caixa de 6 unidades de cada unha das 4 adegas que elaboran viño en Barro. Estas adegas son:

Casaley

Viña Moraima

Cabana das Bolboretas

Adega do Rexurdir

 

O prezo de compra fixado por cada unidade de botella será de 5 euros, mais no primeiro pedido (no que obrigatoriamente cada local adherido á campaña deberá adquirir un mínimo de 6 unidades a cada unha das catro adegas) o prezo por unidade será de 4 Euros para as primeiras 24 unidades, 6 botellas por cada adega. Para as compras posteriores o prezo por unidade de botella será o orixinal: 5 euros.

Todos os locais que se apunten á campaña deberán fixar un prezo de venta ao público por botella será de 10 euros e de 2 euros por cada copa.

Os locais partícipes desta iniciativa, participarán tamén, xunto coas adegas, nunha campaña de publicidade nos medios de comunicación, promovida polo Concello de Barro.

 

Ademais, premiarase ás persoas consumidoras do viño de Barro cunha campaña que consistirá no seguinte: cada local disporá dun lote de 4 botellas (1 de cada adega) doado polo Concello de Barro. Cada consumidor/a de viño, ben sexa adquirindo botella ou copa, cubrirá os seus datos nun tícket que depositará nunha caixa no local onde fixo a consumición. Ao remate da campaña, as persoas responsables de cada negocio hostaleiro adscrito promoverán un sorteo a través do que se determinará quen será a persoa premiada con dito lote de botellas de viño, coa extracción ao azar dun dos tíckets depositados na caixa.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

A inscrición na campaña é gratuíta e para participar é preciso entregar a solicitude (ANEXO I) debidamente cumprimentada, a través da Sede Electrónica ou do Rexistro presencial do Concello de Barro. Excepcionalmente pola situación actual provocada polo COVID-19, poderán enviarse ao correo electrónico: oficinas@barro.gal.

As solicitudes e as presentes bases poderán descargarse na páxina web do concello www.barro.gal ou recollerse nas oficinas do concello de Barro (Santo Antoniño nº 11, Perdecanai 36194, Barro - Pontevedra) en horario de atención ao público: de luns a venres de 9 h a 14 h. O teléfono de información é o seguinte: 986 711 002

 

PRAZOS

O prazo para a entrega de solicitudes irá desde a publicación das bases ata o 31 de maio, incluído. As solicitudes, debidamente cumprimentadas, presentaranse no Rexistro do Concello de Barro, a través da Sede electrónica ou no enderezo electrónico oficinas@barro.gal. Debido á situación producida pola COVID-19, priorizarase a presentación por medios electrónicos.

CRONOGAMA

Prazo de inscrición na campaña

Ata o 31 de maio

Celebración da campaña

Do 11 ao 27 de xuño

Sorteo do lote de botellas

O 28 e 29 de xuño

 

 

 

OBRIGAS DOS ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES

• Os establecementos farán a súa inscrición previa en tempo e forma nas datas sinaladas.

• Comprométense a cumprir cos prazos establecidos para a realización da campaña.

• A xestión das botellas de viño farase directamente entre o/a adegueiro/a e o/a hostaleiro/a.

• Os locais participantes deberán ter nun lugar visible e en bo estado o cartel da campaña que o identifique como establecemento adherido á mesma durante todo o período. E comprométese a difundir esta campaña entre a súa clientela a través dos medios ao seu alcance.

• Cada participante comprométese a facer un uso responsable do consumo do viño e da campaña e a cumprir estritamente estas bases.

 

OBRIGAS DO CONCELLO DE BARRO

• O Concello fará entrega de todo o material preciso para a Campaña: carteleira, lote de botellas para o sorteo e a caixa e os tíckets correspondentes.

• O Concello será o encargado de promocionar e potenciar a Campaña tanto nas redes sociais como nos medios de comunicación.

• O Concello comprométese a facer o seguimento da Campaña e resolver cantas cuestións xurdan durante o desenvolvemento da mesma.

 

OUTRAS CONSIDERACIÓNS

• Queda prohibida a participación do titular/es do bar, cafetería ou restaurante no sorteo.

• O Concello non se responsabiliza da perda ou deterioro dos tíckets ou botellas de viño da campaña.

• O establecemento participante será o responsable da utilización que se faga dos tíckets.

• O Concello resérvase o dereito a dar de baixa da campaña a calquera participante que realice un mal uso da mesma.

• As presentes bases aparecerán recollidas e estarán colgadas na páxina web do concello de Barro www.barro.gal e nas redes sociais do Concello de Barro durante o período da Campaña.

 

PUBLICACIÓN

Para mais información no teléfono do concello de Barro : 986 711 002

O Concello de Barro resérvase o dereito de realizar os cambios oportunos que poida considerar necesarios para o correcto funcionamento desta campaña.