1. Obxecto
Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de seis bolsas de formación, cinco dirixidas a licenciados ou posuidores de grao universitario e unha dirixida a técnicos superiores de formación profesional na área de Administración e Xestión para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e Bruxelas durante o ano 2015. O obxectivo final destas bolsas é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de ofrecerlle a posibilidade de traballar nun contorno multicultural e multilingüe.
As bolsas para titulados universitarios teñen por obxecto que os beneficiarios poidan formarse en temas relacionados co seguimento e a comunicación das políticas comunitarias que máis afectan a Galicia, na captación de financiamento comunitario e na xestión de proxectos europeos.
A bolsa para titulados de formación profesional ten por obxecto proporcionar ao beneficiario a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante os seus estudos, realizando prácticas de aprendizaxe de tarefas administrativas e de secretariado e familiarizándose, así mesmo, en asuntos relacionados co funcionamento da Unión Europea en xeral e das súas institucións en particular.
As seis bolsas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
2. Descrición e modalidade das bolsas
a) Catro bolsas estarán destinadas a titulados universitarios para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais, Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.
b) Unha bolsa estará destinada a titulados universitarios para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para o grao ou licenciatura en Xornalismo.
c) Unha bolsa estará destinada a técnicos superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para as seguintes titulacións: Técnico superior en secretariado ou Técnico superior en administración e finanzas (ou titulación equivalente).
Os candidatos só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa e deberán manifestar a súa elección no modelo de solicitude anexo.
3. Requisitos das persoas aspirantes
Para concorrer a esta convocatoria os aspirantes deberán cumprir, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, cos seguintes requisitos:
a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Ser natural de Galicia, ser fillo de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2013.
c) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2007:
c.1.) Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao).
c.2.) Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo.
c.3.) Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de Técnico superior en secretariado ou Técnico superior en administración e finanzas (ou titulación equivalente).
d) Non ter sido beneficiario de ningunha bolsa da FGE en convocatorias anteriores.
e) Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
Mais información pincha aquí