Vilagarcia de Arousa

Na península do Salnés, atópase Vilagarcía de Arousa, unha das zonas de maior atractivo turístico de Galicia que participa, como tódalas rías Baixas, dunhas características climáticas moi favorables acompañadas da beleza da paisaxe, o atractivo das súas praias e a riqueza dos seus caldos e gastronomía.

O termo municipal conta con moitos lugares que visitar. Fronte ó paseo marítimo poderemos ve-la próxima illa de Cortegada, co bosque de laureis máis meridional de Europa. Dentro do casco urbán hai recunchos típicos que invitan ó paseo como a rúa do Cristo, onde se atopan as casas de Juán García, ou a rúa do Marqués de Aranda co seu orixinal pórtico columnado. Nos arredores da cidade álzanse vistosos pazos coma o dos marqueses de Vilagarcía (século XVI) e, ó seu lado, o convento das agustinas recoletas de Vista Alegre (século XVII). Finalmente, pódese cita-lo belo pazo dos señores de Rubiáns. No que se refire á arquitectura relixiosa cabe cita-la igrexa parroquial de Santa Eulalia, construída en estilo barroco con claras influencias compostelás, con pranta de nave única e cuberta de casetóns. Tamén están as igrexas de San Pedro de Fontecarmoa, S. Martiño de Sobrán (próxima ó pazo do mesmo nome), a igrexa de Santiago de Carril (século XVII) cunha bela portada renacentista e un orixinal cruceiro e a de S. Salvador de Sobradelo.