Sanxenxo

A beleza da costa e a bondade do clima, son os dous grandes atractivos turísticos que convertiron a Sanxenxo, típico pobo mariñeiro galego, nun dos focos de veraneo máis importantes de Galicia, conlevando unha modificación urbanística da capital.

Oficina de Turismo: Avda. de Madrid, s/n. Telf: 986 720 285
Concello: Consistorio, 1. Tfno:986 720 075

Se se parte de Cambados a C-550 é a estrada que nos achega a Sanxenxo, mentres que a Vía rápida que enlaza coa A-9, comunica a Sanxenxo con Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña

Os antigos poboadores de Sanxenxo deixaron no municipio numerosos vestixios dos seus asentamentos, por iso é polo que se atoparon mazas pulimentadas do paleolítico e outros restos arqueolóxicos posteriores. Dende o punto de vista artístico, son numerosas as igrexas que se poden visitar como a Capela de Santa Catalina, situada na mariñeira vila de Portonovo ou a parroquial de Andina, construída sobre un templo de arte románico do que se conservan os muros e beirados da nave, datados en 1170. A capela é do século XVI e ten unha bóveda de crucería. Outra das igrexas que merece a pena coñecer é a Igrexa parroquial de Nantes, construída no ano 1965, pero con restos arquitectónicos da igrexa románica preexistente. Do século XV é a Capela do Santo, pequena construción adicada ó Beato San Xoan de Navarrete. A Ermida da nosa Señora da Lanzada, foi levantada polo Bispo Sisnando II de Iría nos anos 952 e 968 para defensa das terras de Santiago. Outra igrexa construída sobre restos dun templo románico anterior é a de San Esteban de Noalla e destaca por se-la máis monumental do Municipio de Sanxenxo. 

En construción civil atópase a Torre da Lanzada, construída pola mitra compostelá para defende-las vilas da ría de Arousa dos ataques de árabes e normandos. Algúns autores pensan que puido ser en orixe un faro fenicio ou romano. No século XII foi asaltada polos musulmáns, pero a fortaleza refíxose e no XIV sufriu o acoso dos Irmandiños, sendo a torre fortificada que máis tardou en caer. Son abundantes os pazos en todo o municipio, coma o de Bermúdez da Maza na parroquia de San Xoan de Dorrón, o dos duques de Patiño na de Padriñán, o Pazo da Torre de Miraflores nunha ladeira do monte Ventureira, o Pazo de Quintáns situado na estrada que conduce dende a Igrexa de Noalla á ermida da nosa Señora da Lanzada, o de Pardo, na parroquia de Vilalonga, o do Revel que actualmente funciona como hotel e o da Maza, sito no val de Santa Eulalia en Nantes.

Sanxenxo - Ruta por Portonovo

O pequeno e tradicional núcleo pesqueiro de Portonovo converteuse co paso dos anos nun gran centro turístico articulado arredor das súas praias de bandeira azul. As Praias de Baltar e Caneliñas están situada no centro do pobo mentres que as de Canelas, Paxariñas e Montalvo están camiño de O Grove.

Aparcamo-lo coche no porto e dispoñémosnos a comeza-lo noso paseo. Na atalaia que domina o porto un sinfín de estreitas e empinadas rúas conforman o casco antigo da poboación, que nos meses de verán concentra gran parte da movida nocturna da zona. Na parte alta da vila, a sinxela Capela de Santa Catalina garda a imaxe da patroa pola que os mariñeiros senten unha gran devoción sacándoa en procesión marítima o 15 de novembro.

Á Praia de Baltar séguelle o Porto Deportivo onde podemos contempla-los luxosos iates que se entremezclan coas tradicionais embarcacións de pesca dos veciños. O porto pesqueiro dispón dunha das máis modernas lonxas de peixe de Galicia.

Pola Avenida de Pontevedra, chegamos ó mirador onde está o monumento á Peixeira, esas mulleres que venden na lonxa o que os seus homes lle traen do mar. Dende alí temos unha estupenda panorámica da ría e a pequena Praia de Caneliñas, que concentra no verán a moitos dos turistas que se achegan a Portonovo.

Podemos finaliza-la nosa ruta en calqueira das tascas e restaurantes que se dispoñen ó longo do porto onde podemos degusta-los mellores peixes e mariscos regados co famoso viño Albariño.

Outra opción é a de toma-lo coche para dirixirnos á Igrexa Parroquial de Adina, construída no século XVI sobre os restos dun antigo templo románico do XII. Na súa fachada destaca o roseton e a imaxe da Virxe co Neno. Dende o atrio podemos contempla-lo Val do Salnés e os viñedos que producen a tan afamada uva albariña.

Aquí daremos finalizado esta etapa polo fermoso e pequeno pobo pesqueiro de Portonovo.