Pagamento único por fillo menor de 3 anos

Bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2014.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillos ou fillas menores de tres anos en 1 de xaneiro de 2014 (nacidos entre o 2.1.2011 e o 1.1.2014, incluídos) e que, durante o ano 2012, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.

No caso de fillos ou fillas adoptados/as ou acollidos/as entre o 31 de decembro de 2012 e o 31 de decembro de 2013, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio das persoas proxenitoras, o beneficiario ou beneficiaria da prestación será aquela persoa que teña a custodia dos fillos ou fillas, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade dos seus fillos ou fillas, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

4. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Requisitos

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

a) Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderán ser requiridas para que presenten documentación complementaria que o demostre.

b) Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.

Tipo de axuda e contía

A prestación consistirá nun pagamento único de 360 euros por cada fillo ou filla menor de tres anos sen que o mesmo fillo ou filla poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatora.

Mais inf. NO : DOG 17 DE MARZO DE 2014