Marín

O porto de Marín, dividido en zona militar coa Escola Naval desde 1.943 e en zona pesqueira, ocupa o terceiro lugar de Galicia en canto a importancia se refire tanto no número de atraques coma no volume de toneladas desembarcadas.

Concello: Avda. de Ourense, 2. Tlfo: 986 880 300.

A 5 minutos de Pontevedra pola Autovía de Marín. Dende Vigo pola estrada N-120 ou pola A-9, ata Pontevedra e dende alí a Marín. Dende A Coruña, a A-9.

O máis destacable para o turismo que chega a Marín son as súas praias de fina area. A primeira, a de Portocelo, está a pouco máis dun quilómetro do centro urbano. A ela chégase atravesando un fermoso paseo marítimo. Goza de Bandeira Azul outorgada pola Unión Europea, pola súa limpeza e os servizos que ofrece. A praia de Mogor atópase a uns 600 metros e é tamén tranquila e recolleita, de reducidas dimensións, dispón de servizo de restaurante dende o cal se pode gozar dunha fermosa vista sobre a Ría. A praia "Dos namorados", pequena e recolleita, está logo da Punta de Moa. A praia de Loira no pobo mariñeiro do mesmo nome e a praia do Santo. Para rematar a praia de Lapamán e a de Aguete, areal rodeado de abundante arbolado que conta cun pequeno porto deportivo e o Club de Mar que ofrece cursos de vela nas instalacións do Porto Deportivo. Ademais Marín conta cun club de piragüísmo e outro de remo. 

O casco urbano de Marín tamén merece unha visita para ve-las súas curtas e estreitas rúas e prazas como a da Veiguiña, onde cada xoves pódese asistir a un tradicional e popular mercado de verduras, a Praza do Reloxo, e as rúas Real e Echegaray, ademais de interesantes barrios coma o de Cantoarea. Pero é sen lugar a dúbida a Alameda, có seu Palco da Música e os seus magníficos xardíns, o recuncho predilecto para o paseo dos marinenses e visitantes. É interesante facer unha excursión para ve-lo petroglifo de Mogor, en realidade, son tres, moi próximos entre si. A igrexa románica de Piñeiro é o máis destacable dos monumentos do municipio.