INFORME ALCALDIA ACTAUCIÓNS CRISE COVID - 19

informe actuac covid 19

INFORME SOBRE AS ACTUACIÓNS DO CONCELLO DE BARRO DURANTE A CRISE SANITARIA PROVOCADA POLO COVID-19.

 

Dende o 13 de marzo que foi decretada a alerta sanitaria por parte da Xunta de Galicia debido á expansión da COVID -19 e a partir do 15 coa declaración do Estado de alarma por parte do goberno do Estado, o concello de Barro tomou todas as medidas que se decretaron por parte das autoridades sanitarias con dous obxectivos: evitar a propagación do virus no noso concello dentro das nosas posibilidades e axudar á xente máis vulnerable que é quen precisou sempre mais atención.

O 16 de marzo púxose en marcha o programa #QuedaNaCasa, con este servizo levouse aos domicilios a compra, os medicamentos e fixéronse outras tarefas de axuda a aquelas persoas que o demandaron, sobre todo xente maior que era a que corría mais risco á hora de facer esas tarefas cotiás. Durante as primeiras semanas tamén se contactou telefonicamente ca maioría da xente maior que vive soa para asegurarnos de que tiña cubertas as súas necesidades básicas e ofrecerlles a axuda do concello se a precisaban.

Nesa primeira semana do estado de alarma empezouse o proceso de desinfección nos lugares mais sensibles do concello, seguindo as directrices das autoridades sanitarias e cumprindo escrupulosamente os protocolos por elas definidos, e á semana seguinte empezou outro equipo de desinfección, en canto estivo todo preparado, que se dedicaba exclusivamente á desinfección nas parroquias. Este traballo estase levando a cabo por equipos compostos por operarios municipais e voluntarios de protección civil.

Dende  o primeiro día do estado de alarma mantívose un retén de traballo no concello con dous traballadores da administración que conxuntamente co alcalde fixeron un seguimento permanente da evolución da pandemia e propiciaron que a administración do concello nunca se paralizara. Os operarios municipais traballaron en días alternos para non coincidir todos xuntos, dedicándose ata o mes de maio en exclusiva a tarefas de desinfección e outras relacionadas coa crise sanitaria.

Dende o 20 de marzo o ORAL  comunicou que quedaba suspendido e prorrogado o pago en período voluntario dos impostos e taxas municipais de tódolos concellos aos que este organismo fai a recadación.

O goberno municipal tamén comunicou aos concesionarios de locais municipais que non se lle pasaría o cobro do alugueiro durante os meses que tiveran que estar pechados polas restricións do estado de alarma.

Para axudar ás familias que peor o están pasando economicamente, o 30 de marzo aprobouse o programa de axudas de emerxencia extraordinarias con motivo da COVID-19, cun fondo de 15.240€ financiados con cargo a unha partida extraordinaria da Deputación de Pontevedra, única institución que fixo unha achega extraordinaria de fondos ao concello para facer fronte á situación da crise sanitaria. Estas axudas de emerxencia, xestionadas polo departamento de servizo sociais consisten na entrega de vales de compra para a adquisición de alimentos, produtos de hixiene e de limpeza de primeira necesidade, ademais de produtos farmaceuticos. O goberno minicipal xa informou no Bando do 30 de marzo de que se os fondos achegados pola Deputación non foran suficientes para facer fronte ás axudas de emerxencia, o que se habilitaría sería unha partida con fondos propios para seguir axudando ás persoas e familias que peor o están pasando.

 Estas axudas súmanse aos 6.200kg de alimentos non perecedoiros que tamén foron entregados en lotes ás familias con mais necesidades, dos cales 5.000kg procedían do programa de axuda alimenticia do fondo europeo e do ministerio de agricultura e os 1.200kg restantes foron doados ao concello por diversas empresas e entidades.

O 1 de abril púxose en marcha un servizo para descargar e imprimir tarefas escolares que posteriormente foron entregados nos domicilios do alumnado que os precisaba. Esta tarefa foi coordinada co Colexio público de Barro. A través deste programa fixéronse arredor de 300 entregas de materiais escolares a todas aquelas familias que non os poden imprimir polo seus propios medios.

Tamén se puxo en marcha un servizo de apoio emocional e psicolóxico en colaboración co AECC de Pontevedra.

Ante o desabastecemento de máscaras sanitarias e de protección por parte das autoridades sanitarias o concello empezou o 8 de abril a facer entrega de máscara hixiénicas a todas as persoas que as pedían mentres se confeccionaban para toda a poboación. Compramos telas homologadas para confeccionar 5.100 máscaras hixiénicas coa normativa publicada polas autoridades e que foron confeccionadas por un grupo de costureiras voluntarias. O 22 de abril rematouse de distribuír as máscaras para todas as persoas adultas do concello e o día 25 acabáronse de repartir as que se confeccionaron para que todos os nenos e nenas. Estas foron feitas en 4 tallas diferentes para que se adaptaran ás distintas idades e  tiveronas no seu poder antes de que puideran empezar a saír á rúa.

O concello tamén recibiu entregas periódicas de materiais de protección por parte da Xunta de Galicia que consistía de 250 mascaras sanitarias dun só uso en cada envío, luvas, material desinfectante e outros materiais de protección destinados ao persoal de axuda no fogar, traballadores municipais e persoal de establecementos que tiveron que estar abertos con atención ao público.

Tamén se recibiron 1.100 máscaras sanitarias dun só uso por parte do goberno do estado destinadas para os traballadores das empresas e negocios que empezaban a súa actividade.

O concello tamén comprou material de protección que se lle está entregando ao negocios que van abrindo e realizáronse 8 reunións coas persoas que rexentan establecementos do comercio e a hostalaría para intercambiar información sobre a reapertura dos mesmos e aos que o goberno municipal está apoiando nas medidas de seguridade que teñen que tomar para o seu funcionamento e porá en marcha campañas de promoción para reactivar o consumo no comercio e hostalaría locais.

 

O 13 de marzo o Alcalde falou por teléfono cos portavoces dos grupos da oposición para informarlle das medidas que se ían tomar.

O día 23 de marzo o alcalde volveu a chamar aos portavoces da oposición, logrando falar co portavoz do PSOE, do cal agradezo a súa actitude durante estes meses. O portavoz do PP non colleu ningunha das dúas chamadas realizadas nin as devolveu posteriormente.

O 24 de marzo recibín unha mensaxe de whatsapp, na que o concelleiro do PP me propoñía que os impostos, especialmente o IBI e o Imposto de circulación se puideran pagar no prazo dun ano. Ao que lle respondín que o Oral tiña suspendido o cobro de todos os impostos, de todos os concellos nos que xestionan os cobros, e sería ao rematar o estado de alarma cando retomarían os prazos, dando facilidades de pago a toda a xente.

O 11 de abril recíbese nas oficinas do concello un correo do concelleiro Alberto Díz, nun ton bastante impropio dun cargo público, no que se fan acusacións inaceptables na situación que  estabamos a vivir e se din varias falsidades.

Para aclararlle as posibles dúbidas que puideran ter, chameille por teléfono para explicarlle que o concello de Barro estaba a xestionar esta situación da mesma maneira que os demais concellos, gobernados por calquera forza política, tamén da súa, nin mellor nin peor, e que se querían algunha información do que se estaba a facer non tiñan máis que chamarme a min ou a calquera dos traballadores municipais que están ao fronte dos distintos servizos.

Tamén lle comentei que na situación de crise sanitaria que estamos a vivir sería de agradecer por parte da sociedade, unha oposición responsable que colaborara co goberno, como pasou na inmensa maioría dos concellos.

Posteriormente o concelleiro José súarez remitiu outro correo en parecidos termos que o anterior, o que demostraba que pouco interese tiñan en saber realmente o que se estaba a facer.

Está claro que o feito de non collerme as chamadas o portavoz do PP foi algo premeditado, para non coñecer nin propoñer nada ás iniciativas que se estaban tomando desde o Goberno municipal.

En todo caso aínda se está a tempo de reconsiderar esas posturas, pois o peor para os nosos veciños e veciñas é o intentar facer campaña política coa grave situación que levamos padecendo e creo que esperan de todos os representantes políticos unha actitude responsable acorde á crise sanitaria e social que se está a padecer.