Illa de Arousa

Dende o pé do miradoiro do Santo pódese contemplar unha marabillosa vista panorámica da Ría de Arousa; a Illa, o mar e as vilas que asoman na recortada costa: O Grove, A Illa da Toxa, Vilagarcía de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Santa Uxía de Ribeira, Boiro, Palmeira?

É interesante observar como os habitantes da Illa ergueron as súas vivendas ó redor das zonas máis gorecidas das forzas do mar e do vento.

Os ventos, as ondas e as mareas esculpiron nas rochas innumerables formas caprichosas que, sen pretendelo, alimentan a imaxinación, fannos ver formas humanas, animais ou abstractas, poboando un mundo fantástico e máxico ó que os habitantes da Illa nomearon como Con dos Tres Pés, Con do Fuciño do Porco, Con do Crocodilo.

O viaxeiro gozará visitando esta singular exposición de esculturas, cores e texturas con que a natureza nos deleita. Aínda que se poden atopar por toda a costa, os puntos de maior interese son os arredores de faro, o illote Areoso e o Parque Natural de Carreirón.

A Illa de Arousa constitúe un lugar privilexiado para a vida das aves, o que lle valeu a catalogación dunha parte do seu territorio, Punta Carreirón, como zona internacional de especial protección para as aves, e a súa integración no Parque Natural Complexo Intermareal Umia-O Grove-A Lanzada-Punta Carreirón e Lagoa Bodeira.

Contemplar como pesca unha Garza nunha marisma ou seguir o espectacular voo dunha bandada de parrulos son experiencias que se poden vivir dende algunha das dúas casetas deseñadas especialmente para o seguimento das aves en Punta Carreirón.

A rica natureza da zona permite observar unha gran diversidade de ecosistemas, dende os sistemas dunares, pasando polas marismas, os matos, os piñeirais ou a impresionante paisaxe submarina que nos ofrece o seu litoral.

Nun apracible paseo o visitante pódese ver sorprendido pola presenza de animais salvaxes e pola variedade de plantas silvestres, admirar as cores rosas, púrpuras e lilas dos breixos, os amarelos dos toxos e das xestas, o mar dourado das gramíneas e os endemismos dunares coma o cardo leiteiro.

Por outra parte, o mar é o pai de moitas das actividades deportivas e de recreo que nos ofrece a Illa. Á fronte da lista figuran as regatas de dornas, embarcacións tradicionais de vela, organizadas pola Asociación Cultural Dorna. Outras embarcacións percorren as súas augas para practicar o esquí acuático, o submarinismo, a pesca, o piragüismo ou simplemente para gozar das marabillosas praias, do sol e do mar.

A Illa posúe tamén unha ampla rede de camiños tradicionais que sen grandes dificultades nos achegan a calquera recuncho da costa ou ó punto máis alto para contemplar as mellores vistas de toda a illa, practicando o sendeirismo, xa en bicicleta ou a pé.

Á tardiña, toda a illa adquire unha singular beleza. É o momento de contemplar o solpor, e as súas cores reflectidas na auga das incontables marismas, dende os cantís costeiros, ou dende as solitarias praias.