DÍA DA ATENCIÓN TEMPERÁ 16 DE XUÑO DE 2020

2020 día da atención temperá

MANIFESTO DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE ASOCIACIÓNS DE PROFESIONAIS DE ATENCIÓN TEMPERÁ CON MOTIVO DO DÍA DA ATENCIÓN TEMPERÁ                                  

 

O 16 de XUÑO celebramos un día moi especial.  O 16 de xuño do ano 2000 tiña lugar en Madrid a presentación do “Libro Branco”. Un fito na historia da atención á infancia no noso país.  Nel definíase a Atención Temperá como "o conxunto de actuacións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á contorna, que ten por obxecto dar resposta, de forma o máis inmediata posible, ás necesidades que presentan os nenos e nenas con alteracións no desenvolvemento ou con risco de padecelas, e/ou ás súas familias”.

Esta definición presidiu a normativa que nos últimos vinte anos guiou o espallamento, en toda España, dunha extensa Rede de servizos e recursos, primeiro para as crianzas con discapacidades e despois para toda a primeira infancia que se atopa en situacións vulnerables.

A Rede de Atención Temperá é hoxe unha Rede extensa, aínda que insuficiente, non chega a todas as persoas que o necesitan, ou chega de forma precaria. Existen listas de agarda e zonas sen cobertura. O lugar de nacemento AÍNDA É un factor de desigualdade. Por iso, é preciso avanzarmos nun financiamento suficiente e nunha regulación básica común. E pór as bases para un sistema público que coide o desenvolvemento persoal de todas as crianzas desde o seu nacemento.

A Atención Temperá debería incluír a todos os nenos e nenas de 0 a 6 anos que presentan problemas e preocupacións evolutivas nalgún momento do seu desenvolvemento, o que representa un 10% da poboación infantil desa franxa de idade e suporía atender en España a 255.227 nenos e nenas. Hoxe en día en moitas ocasións, só se atenden as dificultades máis evidentes como os trastornos do espectro autista ou a  parálise cerebral.

FAn falLa medios, FAN falLa invESTIMENTOS E Fan falla centros de atención temperá con equipos de profesionais moi cualificados para atender unHa etapa crítica da vida.  Ao longo dos anos aprendemos, en España e en toda Europa, que a mellor definición da Atención Temperá pode quedar no baleiro se non se garanten a calidade, a utilidade dos servizos  e o seu rendemento social.

Por todo isto, a Atención Temperá que se desenvolva a partir de hoxe deberá:

  • garantirse como un dereito subxectivo das crianzas de carácter universal e sen custo para as familias
  • estar orientada á prevención e actuación sobre as necesidades de desenvolvemento persoal e socialización das crianzas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos ou con risco de padecelos
  • baseada sempre nas relacións e a seguridade afectiva das crianzas
  • organizarse na contorna comunitaria próxima ao domicilio cooperando en primeiro lugar coa familia e tamén cos coidadores/as, educadores/as e persoas significativas na vida cotiá das crianzas
  • realizada por un equipo de profesionais,  especializado en desenvolvemento infantil, con metodoloxía inter ou transdisciplinar
  • facilitar a coordinación e as transicións a outros servizos cando sexa preciso  

 

FACENDO AS COUSAS BEN, PRESTANDO SERVIZOS DE CALIDADE, A ATENCIÓN TEMPERÁ É A INVERSIÓN MÁIS RENDIBLE EN TERMOS DE RETORNO PERSOAL, DE SAÚDE, DE INCLUSIÓN SOCIAL, DE MELLORA EDUCATIVA E OPORTUNIDADE LABORAL. OS CARTOS INVERTIDOS EN ATENCIÓN TEMPERÁ MULTIPLÍCANSE.

A Federación Española de Asociacións de Profesionais da Atención Temperá é consciente dos enormes cambios que aconteceron no itinerario de 0 a 6 anos e da necesidade de pór as bases para implementar un sistema público universal de coidados no desenvolvemento no que Xunto aos Centros de DesENVOLVEMENTO Infantil E Atención TempErÁ ocupan un lugar fundamental os servizos sanitarios, os servizos educativos e os servizos sociais, numerosas entidades e as administracións públicas,

A todos convocamos para afrontar o reto que nos leve a ser un país de vangarda no coidado da saúde, a educación e o benestar de todos os nosos nenos e nenas.

A todos damos as grazas pola súa achega ao desenvolvemento da ATENCIÓN TEMPERÁ.

#AhoramáisTemprana

#AgoraMáisTemperá