Descricion Petroglifo Pedra Mirtada

descricion-pedra-mirtada

Petróglifos do Outeiro da Pedra Mirtada

Grupo que inclúe catro rochas con gravados: un grupo de cinco coviñas soltas e outras cinco en torno a unha liña, en xeral moi erosionadas. Nos bloques 1, 2, 3 con sinais de antiga extracción de pedra consérvanse grupos de pequenas cazoletas . No bloque 4, illado a ras do chan, unha cubeta rectangular ou muiño de soporte fixo ocupa a metade da pedra dividida por unha greta natural. Na outra metade, unha curiosa coviña rectangular e outra circular. As coviñas son a temática máis representada na arte rupestre galega. A súa orixe pode ser moi antiga. Os muíños de soporte fixo son elementos para a moenda de plantas e minerais para uso ritual en celebracións sociais.

Cronoloxía e significado: desde 3000 antes de Cristo ata a Idade Media, para as coviñas.

O significado é complexo. Os petróglifos, son gravados rupestres prehistóricos, representan un fenómeno cultural único, polo seu interese como documento histórico e os seus valores estéticos. Hoxe ten vostede o privilexio de poder aprecialos na súa paisaxe orixinal.

Consellos para unha boa experiencia e conservación da arte rupestre:

  • A hora máxica: o mellor momento para a visita coincide coa luz do sol de mañá ou á tardiña, cando incide de xeito oblicuo, facendo resaltar os sucos nas superficies rochosas e permite a mellor visualización dos motivos.
  • Tocar ou pisar os gravados son accións danosas, axudan a acelerar a súa erosión e á perda de miles de anos da nosa historia.
  • Non debemos remarcar os gravados. O uso de pinturas ou tintas axudaría a súa alteración e a destrución.
  • Durante o percorrido utilice os sendeiros habilitados para a visita.
  • Respecte o arborado e a vexetación existente.
  • Leve consigo o lixo ou obxectos danosos para o ambiente e deposíteos nos lugares axeitados.