A Estrada

Na Estrada hai diversas igrexas de estilo románico levantadas entre os séculos XI e XII con motivo da gran influencia que exercía a cidade do Apóstolo. Moitas delas foron reconstruídas, ampliadas e ata algunhas levantadas de novo, sobre todo, entre os séculos XVI a XVIII. Entre outras temos as igrexas de San Pedro de Ancorados, de Riobó, de Oca e de Ouzande, e as románicas de Codeseda, Loimil e Frades.

Tamén se distribúen con abundancia polas terras do antigo Tabeirós os pazos e os casaríos. Presentan un aspecto castrense cunha grande finalidade defensiva debido ás numerosas loitas da nobreza. Entre as moitas casas do territorio estradense están a casa de Valiñas, a casa Forte de Maindo, san Paio de Figueroa ou a casa de Ulloa. Ademais, a 11 quilómetros da villa da Estrada, está situado o pazo de Oca, consta de dúas plantas con amplos ventanais dende os que se pode admirar unha fermosa galería, amplos salóns, cadros e tapices e unha típica e antiga cociña galega.

O visitante tamén se pode achegar á torre da Barreira, que é unha fortaleza situada na parroquia de Riobó e parece que foi construída no ano 1111; a torre de Guimarei presenta un aspecto característico que revela que no seu tempo foi unha casa forte. Polo que respecta ós cruceiros, na Estrada poden contarse uns 103 exemplares. Foron construídos por artistas anónimos como monumentos relixiosos para o culto.

Por outra parte, a principal zona de mámoas encóntrase na parroquia de Matalobos. É moi significativa a mámoa de Boi Morto na parroquia de Olives. Existen pedras moi interesantes coma a de Rañar os pés, na parroquia de Orazo, ou a de Petar os Cartos, en Oca. Pero do que si hai abundancia no concello estradense é de castros, o de Aguións, o de Trasmonte, o das Quintas, o de Matalobos ou de Toedo.

Na Estrada pódense practicar deportes coma a caza e a pesca. Son tres os famosos e apetecidos coutos salmoeiros do río Ulla: Ximonde, Couso e Sinde. A pesca da troita é moi practicada nos dous ríos principais, o Ulla e o Umia, e tamén nos seus afluíntes. Tampouco faltan os escualos e as anguías. A Sociedade Deportiva Río Ulla organiza cada ano un Concurso Internacional de Pesca de Salmón de grandísimo prestixio.

Unha paisaxe moi interesante é a do val do río Liñares, a súa desembocadura no Ulla e o val deste último augas arriba. Hai unha estrada pola que se pode facer este percorrido, para poder gozar das paisaxes da ribeira.

Ademais, no sur do concello pódese ver unha paisaxe máis brava, a de Terra de Montes, e observar o gando cabalar e bovino, que anda solto.